Tuesday 21 de May de 2024

O BNG de Arteixo presentará emendas aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2023 por valor de máis de 28 millóns de euros para o seu investimento no noso concello


Entre eles está o tralado das Liñas de Alta Tensión de Sol e Mar xunto coa gratuidade da AG55 alomenos o tramo A Coruña-Arteixo, que xunto á construción dun no CEIP e o saneamento da ría de Barrañán completan as emendas.

Nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023 non se ven reflexados ningún dos investimentos que solicitará o BNG de Arteixo a través de emendas a dito presuposto.

Practicamente nulos son os investimentos que a Xunta vai levar a cabo en Arteixo o vindeiro ano a pesar das necesidades que ten o noso concello.

A dotación para a eliminación da peaxe en todos os seus tramos ou, cando menos, entre A Coruña e Arteixo con 19 millóns de euros é o cálculo feito pola Xunta de Galiza na súa proposta de ceder a titularidade da AG-55 ao Ministerio de Fomento se este se compromete a levantar a peaxe, actuación que entendemos debe asumir a Xunta de Galiza por ser unha autoestrada da rede autonómica.

Ante unha unha realidade como é a saturación actual nos centros escolares de Arteixo por non falar do Instituto Manuel Murguía, consignamos na emenda unha partida de 1.000.000 de euros para dar inicio ás obras dun novo colexio que tanto anunciou o pp de Calvelo a nivel local e que a Xunta, entendemos, víu esta necesidade e importancia deste centro escolar xa que nos últimos exercicios ían partidas para o centro escolar simbólicas (50.000 euros nos últimos 2 anos) pero que este ano foron eliminadas do orzamento. A Xunta xa non ve a necesidade deste colexio?

Para o BNG de Arteixo é prioritario o tralado das liñas de alta tensión de Sol e Mar. Na urbanización Sol y Mar de Oseiro os veciños e veciñas conviven desde máis de 20 anos con torretas de alta tensión a menos de 10 metros, co conseguinte perigo para a saúde.
A situación non parece preocuparlle ao goberno do PP de Arteixo, quen non solucionou aínda o problema e, ademais, mostra unha falta de transparencia con respecto ao tema. Neste mesmo ano o BNG e Arteixo levou a pleno unha moción na que instaba ao concello a sentar ás distintas partes implicadas para poñer inicio á solución do tralado e foi aprobada por toda a corporación. Consignamos 7 millóns de euros (orzamento estimado e actualizado que correspondería ao traslado das liñas que pasan pola urbanización onde viven máis de 2.000 persoas. Este traslado debería figurar con carácter plurianual e por tanto a cantidade podería repartirse nos anos que durase o traslado).

Por último, A ría de Barrañán que está no LIC Costa da Morte está desde hai moitos anos contaminada e prohibido o baño. Resulta chamativo que forme parte dunha praia e dun complexo dunar que está a sofrer os efectos negativos da construción do porto exterior.
É preciso facer un plan de saneamento que permita atallar os constantes verquidos que hai na zona e que impiden a súa rexeneración o que redundaría na súa posta en valor, xa que conta cun humidal catalogado pola Xunta, o que favorecería a chegada de turismo e a riqueza da zona.